luns, 23 de decembro de 2019

DECLARACIÓN DA RAG

Declaración da RAG verbo dos acordos do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias


O Comité de Ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do pasado 11 de decembro, aprobou as seguintes recomendacións ás autoridades españolas en relación co cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias:
1. Modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procedementos xudiciais a pedimento dunha das partes.
2. Mellorar o uso das linguas cooficiais na administración do Estado nas Comunidades Autónomas.
3. Eliminar as limitacións do ensino en galego en Galicia.
Estas recomendacións están na liña das demandas reiteradamente expresadas pola Real Academia Galega nos tres aspectos que contempla ese acordo e concretamente nas manifestadas no informe que esta institución presentou no seu día ante o Comité de Expertos do Consello de Europa. Neste informe, a Real Academia Galega instaba a que o Comité de Ministros do CE aprobase unha recomendación específica para que "o goberno galego remova os obstáculos normativos que impiden o establecemento dunha oferta educativa completa ou principalmente en lingua galega".
A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa co obxectivo de protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas rexionais e minoritarias. En 2001, o Estado español adheriuse a esta Carta e no momento da súa ratificación comprometeuse a cumprila no conxunto das súas previsións e nos seus termos máis amplos. Así, o seu artigo 8 compromete as autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundario, técnico e universitario en lingua galega. Este compromiso non só foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 (Decreto 79/2010 , do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia) se atopa en flagrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50% do currículo (e a unha porcentaxe menor nos centros plurilingües), excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física e a química. Os datos sociolingüísticos recollidos en Galicia nos últimos anos, ao igual que os estudos feitos sobre a evolución do coñecemento e uso da lingua galega, mostran un alarmante retroceso do noso idioma na poboación infantil e na mocidade, poñendo de relevo os negativos efectos das limitacións ao uso do galego no sistema educativo.
A Real Academia Galega congratúlase do acordo do Comité de ministros do Consello de Europa sobre a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e insta as autoridades do Estado español e, nomeadamente, da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguir as recomendacións expresadas nel. É hora de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma.
Documento tirado literalmente da páxina da RAG
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario