A Deputación difunde na rede dous videopoemas colectivos de Manuel María
25 de Maio de 2016
A área de Cultura da Deputación da
Coruña difunde na rede dous videopoemas colectivos,elaborados dentro do
programa "Manuel María somos nós" co que homenaxeou e difundiu a obra
do autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
O videopoema colectivo #OMeuManuelMaría e o videopoema documental "De
oficio poeta" xa están na rede para contribuír a difundir e homenaxear a
figura do escritor Manuel María, autor protagonista do Día das Letras
Galegas deste ano.
#OmeuManuelMaría, videopoema colectivo, é o resultado dunha
convocatoria enviada mediante redes sociais, que propoñía ás persoas
participantes gravarse recitando o poema "Galiza", de Manuel María. Unha
vez compartido ese vídeo en redes co cancelo #OMeuManuelMaría, ou ben
enviado por canles coma youtube, email ou dropbox, realizouse unha
recopilación e montaxe de todas as achegas. Así, o vídeo resultante é un
recitado colectivo en formato audiovisual do poema "Galiza". Especial
repercusión tivo o proxecto no ámbito educativo e na mocidade,
destinataria privilexiada do proxecto.
"De oficio poeta" trátase, pola súa parte, dunha ollada experimental á
obra de Manuel María, cun formato curto e unha linguaxe que camiña
entre o documental e a videopoesía. Conta coa colaboración de persoas
próximas a Manuel María: Pilar Pallarés, Xulio L. Valcárcel,
Felipe-Senén, Uxía, Margarita Ledo e Mercedes Queixas Zas. No
videopoema, Manuel María fala a través dos seus propios poemas e a
partir de obxectos que dalgún xeito o representan.
"O programa ten nestes videopoemas un epílogo vivo, que continuará
achegando a través das redes a figura e obra de Manuel María, en
especial, nas novas xeracións que é cara onde quixemos incidir co
proxecto da área de Cultura da Depuatción, con iniciativas tamén como o
fotocol participativo ou o obradoiro", explicou Goretti Sanmartín,
responsábel da área de Cultura da Deputación
As ligazóns dos videopoemas son as seguintes:
"De oficio poeta": https://www.youtube.com/watch?v=DEcuG4jl_xY
"De oficio poeta" subtitulado para persoas xordas: https://www.youtube.com/watch?v=TNYBdYeZeQI
"De oficio poeta": https://www.youtube.com/watch?v=DEcuG4jl_xY
"De oficio poeta" subtitulado para persoas xordas: https://www.youtube.com/watch?v=TNYBdYeZeQI
#OMeuManuelMaría: https://www.youtube.com/watch?v=ql43auP4Rvk
Ningún comentario:
Publicar un comentario