"Quero Cantar" abre o prazo para presentar cancións a concurso o 15/01/2016
Todo
o mundo a cantar! Desde este 15 de xaneiro ata o 15 de abril está
aberto o prazo para presentar propostas ao concurso musical infantil
“Quero Cantar”, convocado pola Deputación da Coruña.
As
persoas interesadas en participar no “Quero Cantar” poden xa enviar
unha maqueta en formato audio ou vídeo cunha canción orixinal e inédita
en galego para se inscribir no primeiro concurso musical infantil na
nosa lingua. A condición que teñen que cumprir é que a voz ou voces
solistas sexan nenas ou nenos de ata 12 anos de idade. Para o resto de
integrantes do grupo non se establece límite de idade.
Unha
vez rematado este prazo procederase a unha primeira votación pública a
través do Facebook. As dez primeiras clasificadas pasarán a formar parte
dun CD que se ha distribuír a colexios de toda Galicia e que vai estar dispoñible tamén para libre descarga desde a páxina www.querocantar.gal.
De
entre esas dez cancións, as cinco primeiras pasarán á gala final, que
se vai celebrar no mes de maio no Teatro Colón da Coruña. Alí, un xurado
formado por cinco nenas e nenos de educación primaria ha elixir a
gañadora absoluta do Quero Cantar ’16. O premio para a primeira
clasificada vai ser a gravación dun videoclip e 300 euros en material
musical. A segunda clasificada recibirá 200 euros e a terceira, cuarta e
quinta 100 euros cada unha, en todos os casos para destinar á compra de
material musical.
O
concurso, convocado pola área de normalización lingüística da que é
responsábel a nacionalista Goretti Sanmartín, nace co espírito de
incentivar a esa enorme cantidade de rapazas e rapaces que en toda
Galicia alimentan a súa paixón pola música e se forman en escolas,
bandas, coros ou asociacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario