venres, 27 de xaneiro de 2017

I Premio de investigación lingüística e etnográfica sobre lingua e cultura galegas

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, xunto con Edicións Xerais de Galicia convocan dous novos certames, dous premios, un de investigación e outro de creación literaria, dirixidos ao alumnado preuniversitario, cos que pór en valor o seu talento en lingua galega e cos que darlle a coñecer unha institución, a Universidade de Vigo, na que “se lles apetece, poden acceder a diferentes itinerarios de estudos galegos e lusófonos”.

Abertos a calquera estudante matriculado en 4º de ESO e en Bacharelato.

 

Tabletas, libros electrónicos e publicación dos mellores traballos


Recollida e análise de microtoponimia; de xentilicios populares e ditados tópicos; de refráns e adiviñas ou xogos de sortes dunha zona; de cantigas ou de contos populares dun determinado lugar; da onomástica dunha parroquia; dun campo semántico nunha bisbarra; un estudo sociolingüístico do centro escolar ou dun concello... estes son só algúns dos exemplos do tipo de traballos que se poden presentar a estes novos premios na categoría de Investigación Lingüística e Etnográfica, mentres que na categoría de creación literaria a temática é libre, aínda que se recomenda empregar como xénero a poesía e o relato breve, podéndose presentar estes traballos tamén en formado de vídeo-creación.
En ambas as categorías haberá tres premios, un primeiro que gañará unha tableta, e dous accésits, aos que se lles entregará cadanseu lector de libros cargado con dez exemplares electrónicos de literatura galega e universal. “Ademais, os traballos gañadores publicaranse dixitalmente e cada tres anos farase unha edición en papel”, explica o director do departamento, que aclara que o xurado estará formado, preferentemente, por profesores titulares de lingua e literatura galegas do Departamento de Filoloxía Galega elixidos polo Consello de Departamento, un representante da Área de Normalización e outro de Edicións Xerais

Entrega de traballos ata o 28 de abril


Todas as persoas interesadas en coñecer os detalles do premio poden facelo na web TerritorioCreacion.gal, onde, entre outros detalles, se establece a data límite de entrega de traballos, ás 14.00 hora.

Máis información en http://territoriocreacion.gal/

Ningún comentario:

Publicar un comentario